top of page

Aprendices de panadería por unha noite

 

San Cristóbal de Cea|Sábado, 7 de novembro de 2015| 03.33 a.m.

 

 

O Concello de San Cristovo de Cea, describe na súa web ao municipio como o lugar “onde o Pan é Arte”. Para comprobalo,  colámonos no forno de Manolo que leva por nome “Cea Pan”.

 

De xeración en xeración foise transmitindo o  proceso de elaboración artesán deste pan. Produto tradicional que da nome e renome a vila panadeira por excelencia. Manolo é un dos mestres que a día de hoxe se encargan de manter vivo o oficio, é tamén un dos encargados de ensinalo as novas xeracións. A profesión venlle de familia, como á maioría dos panadeiros activos da vila. Pódese dicir que en Cea o Pan mámase dende a cuna! Segundo a historia, os fornos de Cea levan dende o século XIII encárgandose de cocer as bolas de pan.

 

O frío e o sono fanse valer en canto baixamos do coche. Non obstante, nada máis traspasar a porta que da acceso á gran nave ambos desaparecen. A medida que avanza a noite, os fornos non dan respiro.  Quen dixo frío! Manolo xa está máis que acostumado a correr dun lado para outro, ás altas temperaturas do forno e á radio galega marcando o ritmo de fondo. O sono tamén se evapora no momento en que pomos un pé dentro e abrimos os ollos como pratos ao ver ós tres antigos fornos de leña.

 

Manolo non perde nin un momento, pon o seu mandil branco e comeza a longa xornada de traballo.No vídeo resumo amosámosvos a clase maxistral. Unha lección que ten como sinatura as máns expertas dun artesán que leva máis de media vida adicándose a facer e repartir o Pan de Cea.

 

Saímos con cadansúa bola baixo o brazo. Empaquetada, como se dun agasallo se tratase e co seu número identificativo. Rematada a experiencia, só queda facer balance.  As conclusións  van a ir acompañadas dun bocata de xamón con Pan de Cea. Como dí a miña avoa: para poder pensar e traballar hai que ter a barriga chea. E, os maiores sempre teñen razón.

 

Cor tostada, grosa corteza, esponxosa miga, sumadas á característica “fenda” que divide a peza en dúas partes iguais fan deste pan un tesouro. Un produto de primeira necesidade que os galegos souberon preservar ao longo dos séculos, sen perde-la esencia. Porque como ben din algúns, o pan galego, cando se fai ben, é o mellor pan do mundo.


 

© 2015 by Bocadosdepan

bottom of page